bibliobembibre@gmail.com

bibliobembibre@gmail.com

venres, 29 de marzo de 2019

Os Electrecos!

Esta semana tivemos unha visita moi divertida na que aprendemos moitas cousas a ritmo de rap cos nosos amigos os Bolechas! Os alumnos de 2º e 3º de primaria puideron comprobar a importancia que teñen nas nosas vidas os aparellos electrónicos, os seus usos, a súa reciclaxe . . .





Estas foron as súas recomendacións:
Merca só aquilo que precises
Cada vez somos máis persoas no planeta e usamos máis aparellos eléctricos e electrónicos, polo que estamos enchendo a Terra de lixo electrónico, ademais de esgotar moitos recursos naturais necesarios para construír eses aparellos. Para evitalo fai un consumo responsable e merca só o que precises.
Cóidaos para que duren máis
Ás veces temos que cambiar un aparello que funciona ben porque precisamos outro con outras características (máis potencia, novas utilidades etc.). Pero non temos que inutilizalo: podemos usar o vello noutra estancia da casa, darllo a outra persoa que o poida necesitar ou mesmo levalo a un comercio de segunda man para que o aproveiten outros usuarios que, ademais, poderán mercalo a menor prezo que se fora novo.
Intenta arranxalos cando se estraguen
Moitas veces tiramos aparellos que poderían arranxarse facilmente. Igual que imos ao médico cando nos mancamos ou levamos a nosa mascota ao veterinario cando enferma, debemos intentar arranxar os aparellos estragados.
                             Cando xa non sirvan, lévaos a un punto de reciclaxe
Os RAEE son moi prexudiciais para o medio ambiente, xa que conteñen compoñentes que contaminan e mesmo poden resultar tóxicos. Por iso non podemos botalos nos contedores do lixo, e moito menos deixalos por aí, en calquera sitio. Debemos levalos aos lugares de reciclaxe, onde os aproveitan para facer aparellos novos e recuperan materiais valiosos para darlles outros usos.
Todas as persoas debemos implicarnos no coidado do medio ambiente e da nosa contorna!



Ningún comentario:

Publicar un comentario