bibliobembibre@gmail.com

bibliobembibre@gmail.com

domingo, 17 de maio de 2026

6º edición do xornal O Picoto

 No noso centro xa está dispoñible unha nova edición de O Picoto, o xornal escolar elaborado polo alumnado. Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, presentamos un número cheo de novas, receitas, reportaxes, pasatempos e creacións feitas polos nenos e nenas do cole.

Ao longo destas páxinas, o alumnado convértese en xornalista, redactor e ilustrador, compartindo experiencias, actividades do centro e temas de actualidade desde a súa propia mirada. Este proxecto non só fomenta a creatividade e a expresión escrita, senón tamén o traballo en equipo e o uso da lingua galega como vehículo de comunicación e cultura.

Queremos felicitar a todos os rapaces e rapazas que participaron nesta edición, así como ao profesorado que colaborou na súa elaboración.

Animámosvos a ler O Picoto e a desfrutar deste traballo feito con ilusión e moito esforzo.

A NOSA VOZ PARA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

 Hai historias que se len… e outras que se escoitan. Este ano, para celebrar o Día das Letras Galegas 2026, o noso alumnado deu un paso máis alá: converteuse en narrador e narradora, levando os contos á radio para enchelos de vida, emoción e identidade.

Ao longo das últimas semanas, no noso estudio de radio, o alumnado mergullouse no mundo da narración oral.  O resultado é unha colección de historias únicas, contadas desde a frescura e a creatividade de quen está descubrindo o poder das palabras.

Esta iniciativa non só busca fomentar a lectura e o uso do galego, senón tamén reivindicar a tradición oral, tan presente na nosa cultura. Porque contar historias sempre foi unha forma de unir xeracións, de transmitir valores e de manter viva a lingua.

Poñede os cascos, subide o volume… e deixade que o galego soe con forza.

Bo Día das Letras Galegas!


mércores, 13 de maio de 2026

O alumnado de 6º desfruta dunha inesquecible experiencia na Granxa Escola Kiriko

 O alumnado de 6º viviu unha fantástica excursión con pernocta na granxa escola Granxa Escola Kiriko, chea de actividades, convivencia e momentos para lembrar.

Primeiro día

Á chegada á granxa, os nenos e nenas merendaron para repoñer forzas antes de comezar unha intensa xornada de diversión. Participaron nun animado partido de pelota canadiense e en diferentes xogos de interior, compartindo risas e traballo en equipo.

Despois do xantar e dun pequeno tempo libre, chegou unha das actividades máis esperadas: unha ruta en canoa polo río, seguida dunha sesión de tiro con arco. Máis tarde, realizaron unha ruta polo monte na que puideron observar distintos animais e coñecer mellor o entorno natural da granxa.

Xa ao serán, tocou tempo para as duchas e a cea antes de continuar coa diversión. O día rematou cun divertido xogo de “retos” e cunha gran festa na discoteca, onde bailaron e cantaron os seus temas favoritos ata caer rendidos.

Segundo día

A mañá comezou cedo cun bo almorzo para cargar enerxía. Despois, visitaron o horto, o composteiro e o invernadoiro, aprendendo moitas curiosidades sobre o coidado do medio ambiente e a agricultura.

Ao longo da mañá tamén tiveron ocasión de ver os animais que lles faltaban da visita anterior e participaron nun divertido karaoke no que demostraron as súas habilidades musicais.

Tras o xantar e un novo tempo libre, realizaron un xogo de pistas por toda a granxa, poñendo a proba o seu enxeño e a capacidade de traballar en equipo. Logo da merenda, chegou o momento de regresar a Bembibre, levando consigo unha chea de experiencias, aprendizaxes e moi bos recordos desta aventura compartida.



luns, 4 de maio de 2026

Decímoslle NON ao acosos escolar

 No noso centro educativo cremos que a escola debe ser un lugar seguro, onde todas as nenas e nenos se sintan respectados, escoitados e valorados. Por iso, desde as aulas quixemos dar un paso adiante e traballar un tema tan importante como é o acoso escolar.

Como resultado, realizamos un vídeo no que o alumnado expresa o que pensa e sente sobre o bullying. Porque ás veces, as mensaxes máis importantes son tamén as máis sinxelas… e as máis sinceras.

Este vídeo é unha mostra do compromiso dos nosos nenos e nenas cunha convivencia baseada no respecto, na empatía e na axuda mutua.

Invitámosvos a velo, reflexionar e compartir a mensaxe: entre todas e todos podemos construír unha escola mellor.

🎥 Dálle ao play e escoita as súas voces.



martes, 17 de febreiro de 2026

Entroido

 Este ano celebramos o Entroido cunha temática moi especial: o mar. O cole encheuse de cor, creatividade e ilusión grazas a uns disfraces espectaculares feitos na casa.

Tivemos polbos simpatiquísimos, chipiróns moi elegantes, medusas brillantes, peixiños de cores, e tamém buzos preparados para explorar o fondo mariño.

O máis bonito foi ver como cada disfraz era único, feito con agarimo, imaxinación e moito traballo en familia. Notouse o esforzo e a dedicación en cada detalle: tentáculos ben traballados, materiais reciclados, luces, pinturas… Un auténtico desfile mariñeiro!

Queremos facer unha felicitación moi especial ás familias.

O resultado foi marabilloso: os nenos e nenas estaban orgullosos dos seus disfraces, felices de poder ensinar o traballo feito en familia e gozaron dun día inesquecible.

Aquí vos deixamos as fotos deste Entroido tan mariñeiro. 🌊📸
Agardamos que as disfrutedes tanto como nós disfrutamos vendo desfilar a nosa pequena gran marea de artistas.

Grazas, familias, por facer escola connosco!

https://photos.app.goo.gl/VxuUaJAjtQLbV9jj8




mércores, 4 de febreiro de 2026

Mandatos do Meco

 Aquí vos deixamos os mandatos do Meco, relacionado co noso PDI: "Os ciencuenta anos do cole"







martes, 23 de decembro de 2025

Carreira solidadaria e chocolatada

No noso cole vivimos unha xornada moi especial chea de solidariedade, compromiso e traballo en equipo coa celebración da carreira solidaria en colaboración coa Fundación Unoentrecienmil, loitando xuntos contra a leucemia infantil.

Todo o alumnado participou con moita ilusión nesta iniciativa, demostrando que cada pequeno xesto conta cando se trata de axudar. Grazas ao esforzo de toda a comunidade educativa, recaudamos un total de 882 euros, que irán destinados á investigación para mellorar a vida dos nenos e nenas que loitan contra esta enfermidade.

E, para repoñer forzas despois da carreira, compartimos un chocolate quentiño, que puxo o toque doce final a unha xornada chea de emocións e bos momentos.

Queremos agradecer a implicación do alumnado, do profesorado e das familias por facer posible esta xornada tan significativa. Xuntos e xuntas demostramos que o cole tamén é un lugar onde se educa en valores.

Ao final do día tamén realizamos talleres de manualidades de Nadal.

💚 Grazas por correr, crear, compartir e colaborar por unha boa causa.

https://photos.app.goo.gl/kDNwrKAyousbQWYF9

Nadal 2025

 Nestes últimos días antes das vacacións vivimos no cole momentos moi especiais cheos de ilusión, risas e espírito de Nadal.

Recibimos a visita de Papá Noel, que chegou cargado de maxia e sorrisos, e tamén dos Paxes Reais, que escoitaron con moita atención os desexos de nenos e nenas. Foi unha experiencia moi emocionante para todo o alumnado.

Ademais, celebramos as nosas particulares badaladas, despedindo o ano xuntos dunha maneira moi divertida, e puxemos o broche final cun festival de Nadal, no que o alumnado amosou todo o seu traballo, esforzo e ilusión a través de cancións, bailes e actuacións cheas de cariño.

Grazas a todo o alumnado, profesorado e familias por facer posible estes momentos tan especiais. Agora toca descansar, gozar en familia e volver con enerxías renovadas.

✨ Bo Nadal e feliz ano novo para todos e todas ✨

https://photos.app.goo.gl/Pmg3cFkXKnUevn6p9


mércores, 3 de decembro de 2025

Día da discapacidade no cole

 Hoxe no cole celebramos o Día da Discapacidade cunha actividade moi especial. Cada aula investigou sobre unha patoloxía diferente e elaborou un mural para dar a coñecer as súas características e concienciar sobre a importancia da inclusión e o respecto.

Ademais, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º compartiu o seu traballo cunha exposición na biblioteca, explicando os murais ao resto dos compañeiros. Foi unha xornada moi enriquecedora, na que aprendemos a poñernos no lugar dos demais e a valorar a diversidade como algo que nos fai medrar.



mércores, 26 de novembro de 2025

Sementamos respecto, recollemos liberdade!

 Hoxe no colexio celebramos o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha xornada chea de emoción, música e compromiso. Saímos ao patio para compartir un momento especial como comunidade educativa: todas e todos xuntos cantamos “Tataravoa” de As Fillas de Cassandra, unha canción que nos conecta coas voces das mulleres que nos precederon e coa forza que deixaron en herdanza.

Ademais, presentamos o noso mural colaborativo, unha gran árbore creada por nós, símbolo da importancia do que sementamos cada día. As súas raíces recollen palabras de respecto, empatía e igualdade; e as súas pólas esténdense cara a un futuro onde medran a liberdade, a convivencia e os bos tratos.

Con este traballo queremos lembrar que cada xesto conta:
se sementamos respecto, recollemos liberdade.

Unha pequena acción hoxe pode ser unha gran transformación mañá.




luns, 10 de novembro de 2025

Receitas do mundo

 Durante este último mes fixemos unha actividade moi divertida en 3º de Primaria. Cada un de nós trouxo unha receita dun país diferente para ensinarlla aos demais… ¡e tamén a cociñamos para que toda a aula a poidese probar! 🍪🥗🍰

Pasámolo xenial descubrindo comidas de moitos lugares do mundo e probando novos sabores. Todos estabamos moi emocionados e con moitas ganas de compartir o que fixeramos coas nosas familias.

Agora queremos ir un pasiño máis alá: imos facer un programa de radio para gravar todas as receitas e contar as nosas experiencias. 🎤 Vai ser xenial escoitarnos falando de tantas comidas ricas!

 Moitas grazas ás familias pola súa axuda e colaboración. Sen elas, esta viaxe polo mundo a través da cociña non tería sido posible! 🌍

Aquí tedes un pequeno vídeo con algunhas das fotos desta actividade tan saborosa.



xoves, 30 de outubro de 2025

Magosto e Samaín

 Hoxe celebramos no colexio o Samaín e o Magosto cunha xornada chea de diversión, creatividade e sabor!

Durante o Samaín, o alumnado de Infantil e Primaria participou en diferentes obradoiros: fixemos máscaras terroríficaspócemas máxicas, cabazas divertidas, arañas de medo e moitas outras actividades que nos fixeron pasar un día moi especial. O cole encheuse de cores, risas e moita maxia! 🕸️🧙‍♀️

E para rematar, celebramos tamén o Magosto, compartindo castañas e bos momentos coas nosas compañeiras e compañeiros. 🌰🔥

Deixámosvos aquí o enlace para ver todas as fotos da xornada, para que poidades revivir o ben que o pasamos:

https://photos.app.goo.gl/42my4J966GUgCh3w5

sábado, 18 de outubro de 2025

Fotos Sarria-Portomarín

No seguinte enlace tendes algunhas fotos da 1 etapa do Camiño de Santiago. Foi unha xornada intensa e chea de esforzo, con subidas, baixadas e moitos quilómetros por diante… pero conseguímolo! 💪 Rematamos cansos, pero felices, orgullosos de cada paso e da forza do grupo. ¡Unha gran aventura que acaba de comezar!

martes, 14 de outubro de 2025

Camiño de Santiago

Este venres comezaremos unha nova aventura, o alumnado de secundaria e 5º e 6º de EP realizará por etapas o camiño francés dende Sarria. Aquí vos deixamos algunhas curiosidades sobre as etapas que imos realizar. BO CAMIÑO!!
Presentación - Camiño de Santiago

50 anos de historia, aprendizaxe e emocións no noso colexio

 O pasado venres celebramos unha data moi especial: o 50 aniversario do noso colexio. Foi unha festa inesquecible, chea de emocións, reencontros e moitas lembranzas compartidas.

A celebración reuniu a numerosos ex-alumnos e ex-profesores, que volveron ao centro para lembrar tempos pasados, contar anécdotas e comprobar como o colexio medrou e cambiou ao longo destas cinco décadas.

Durante o acto houbo momentos de homenaxe, música, risas e tamén moita emoción, especialmente ao ver xuntas persoas que formaron parte da historia do colexio en diferentes etapas.

Desde a biblioteca queremos dar as grazas a toda a comunidade educativa —pasada e presente— por facer posible esta historia que seguimos escribindo día a día.
Foron 50 anos cheos de aprendizaxe, amizades e experiencias, e seguimos mirando cara ao futuro con ilusión e co mesmo espírito de sempre.

Parabéns a todos e todas!
Seguimos a facer historia, tamén dende a nosa biblioteca 📚✨

Aqui vos deixamos fotos deste día tan especial