bibliobembibre@gmail.com

bibliobembibre@gmail.com

sábado, 31 de outubro de 2026

Samaín e Magosto

 Este venres vivimos unha xornada moi especial no cole na que mesturamos a maxia do Samaín coa tradición do Magosto. Foi un día cheo de diversión, creatividade e, por suposto, moitas castañas!

Comezamos a celebración co Samaín, no que os nenos e nenas participaron en diferentes talleres polas aulas. Organizados en grupos, foron rotando polos distintos espazos para desfrutar de actividades moi variadas: un taller de cociña, creación de monstros, elaboración de pocemas máxicas, pasatempos terroríficos, curtas de medo, manualidades con madeira,…Houbo tempo para experimentar, crear, imaxinar e deixar voar a creatividade!

Despois de tanto traballo e diversión, chegou un dos momentos máis agardados: saímos ao patio para compartir unhas deliciosas castañas e celebrar xuntos o Magosto, mantendo viva esta fermosa tradición do outono.

Foi unha mañá estupenda na que non faltaron os sorrisos, a ilusión e as ganas de pasalo ben.




venres, 23 de outubro de 2026

Hoxe celebramos o día das bibliotecas

 Hoxe celebramos no cole o Día das Bibliotecas Escolares dunha maneira moi especial e divertida. 💚

Pistacho, a nosa mascota da biblioteca, é un loro moi simpático, pero hoxe tiña un problema… perdera todas as súas plumas pola biblioteca! 😱 Así que todo o alumnado do cole puxémonos mans á obra para axudarlle a atopalas e conseguir que Pistacho volvese lucir tan fermoso coma sempre. 🪶🔎

Pero a aventura non rematou aí! Despois, cada neno e nena compartiu no noso mural o título do seu conto favorito, enchendo a biblioteca de historias, maxia e recomendacións lectoras. 📖✨

E, como agradecemento pola nosa axuda e participación, Pistacho tiña preparada unha pequena sorpresa para todos: regalounos unha goma de borrar! 🎁

Foi unha xornada chea de ilusión, traballo en equipo e amor polos libros, na que participou todo o cole. Porque na nosa biblioteca hai moito máis ca libros: hai aventuras por descubrir, historias que compartir e momentos que quedan na memoria.

Grazas, Pistacho, por lembrarnos que ler é unha aventura marabillosa! 💚📚🦜

Ver vídeo


venres, 16 de outubro de 2026

Fotos de grupo

Como cada ano, compartimos as fotografías de grupo das diferentes aulas do noso centro, nas que cada grupo aparece acompañado do seu titor ou titora.

Estas imaxes son un bonito recordo do curso, dos compañeiros e compañeiras cos que compartimos tantas experiencias e das persoas que nos acompañan e guían ao longo do camiño.

Un recordo para levar sempre con nós! 💙

luns, 28 de setembro de 2026

Curso 2026/2027

 Xa non queda nadiña para abrir a biblio e inaugurar un curso que de seguro nos traerá moitas aventuras e gañas de  descubrir contos novos que trae Pistacho, a nosa mascota.

Hoxe queremos presentarvos os que serán os novos coidalibros, o alumnado de 6º. 

Tamén como novidade, este curso a biblio abrirá nos recreos do luns ( para o alumnado de infantil) e os xoves ( para o alumnado de primaria). Onde poderán xogar, ler contos e facer préstamos.

Benvidos e benvidas!!!



venres, 19 de xuño de 2026

Rematamos o curso… pasado por auga!!

 O último día de cole estivo cheo de alegría, risas e moita diversión coa nosa esperada Festa da Auga. Pequenos e grandes compartiron unha xornada inesquecible na que non faltaron os xogos, as carreiras, os chapuzóns e, sobre todo, as ganas de pasalo ben.

Entre pistolas de auga, globos e moitas sorpresas, o patio encheuse de sorrisos e de momentos que quedarán gardados na memoria de todo o alumnado. Foi a mellor maneira de celebrar o esforzo realizado durante todo o curso e de despedirnos antes das vacacións de verán.

Queremos agradecer ás familias, ao profesorado e a toda a comunidade educativa a súa colaboración e implicación ao longo deste ano, facendo posible que cada día no cole sexa unha nova aventura.

Agora toca descansar, gozar do verán, recargar enerxías e vivir novas experiencias.






xoves, 18 de xuño de 2026

Graduacións

 As graduacións de 6º de Infantil e de 6º de Educación Primaria regaláronnos un dos momentos máis especiais do curso. Ademais de celebrar o final dunha etapa e o comezo doutra nova, tivemos a oportunidade de mirar cara atrás e revivir moitos dos momentos compartidos ao longo destes anos.

Foi unha celebración moi emotiva, na que puidemos comprobar canto medraron as nosas nenas e os nosos nenos, non só en estatura, senón tamén como persoas. 

Parabéns a todo o alumnado de 6º de Infantil e de 6º de Educación Primaria por este importante paso. Desexámosvos que sigades enchendo de ilusión e aprendizaxes as novas etapas que están por chegar, levando sempre convosco os recordos e os valores construídos ao longo destes anos.

Aquí vos deixamos unha pequena mostra destes momentos inesquecibles.



domingo, 17 de maio de 2026

6º edición do xornal O Picoto

 No noso centro xa está dispoñible unha nova edición de O Picoto, o xornal escolar elaborado polo alumnado. Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, presentamos un número cheo de novas, receitas, reportaxes, pasatempos e creacións feitas polos nenos e nenas do cole.

Ao longo destas páxinas, o alumnado convértese en xornalista, redactor e ilustrador, compartindo experiencias, actividades do centro e temas de actualidade desde a súa propia mirada. Este proxecto non só fomenta a creatividade e a expresión escrita, senón tamén o traballo en equipo e o uso da lingua galega como vehículo de comunicación e cultura.

Queremos felicitar a todos os rapaces e rapazas que participaron nesta edición, así como ao profesorado que colaborou na súa elaboración.

Animámosvos a ler O Picoto e a desfrutar deste traballo feito con ilusión e moito esforzo.

A NOSA VOZ PARA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

 Hai historias que se len… e outras que se escoitan. Este ano, para celebrar o Día das Letras Galegas 2026, o noso alumnado deu un paso máis alá: converteuse en narrador e narradora, levando os contos á radio para enchelos de vida, emoción e identidade.

Ao longo das últimas semanas, no noso estudio de radio, o alumnado mergullouse no mundo da narración oral.  O resultado é unha colección de historias únicas, contadas desde a frescura e a creatividade de quen está descubrindo o poder das palabras.

Esta iniciativa non só busca fomentar a lectura e o uso do galego, senón tamén reivindicar a tradición oral, tan presente na nosa cultura. Porque contar historias sempre foi unha forma de unir xeracións, de transmitir valores e de manter viva a lingua.

Poñede os cascos, subide o volume… e deixade que o galego soe con forza.

Bo Día das Letras Galegas!


mércores, 13 de maio de 2026

O alumnado de 6º desfruta dunha inesquecible experiencia na Granxa Escola Kiriko

 O alumnado de 6º viviu unha fantástica excursión con pernocta na granxa escola Granxa Escola Kiriko, chea de actividades, convivencia e momentos para lembrar.

Primeiro día

Á chegada á granxa, os nenos e nenas merendaron para repoñer forzas antes de comezar unha intensa xornada de diversión. Participaron nun animado partido de pelota canadiense e en diferentes xogos de interior, compartindo risas e traballo en equipo.

Despois do xantar e dun pequeno tempo libre, chegou unha das actividades máis esperadas: unha ruta en canoa polo río, seguida dunha sesión de tiro con arco. Máis tarde, realizaron unha ruta polo monte na que puideron observar distintos animais e coñecer mellor o entorno natural da granxa.

Xa ao serán, tocou tempo para as duchas e a cea antes de continuar coa diversión. O día rematou cun divertido xogo de “retos” e cunha gran festa na discoteca, onde bailaron e cantaron os seus temas favoritos ata caer rendidos.

Segundo día

A mañá comezou cedo cun bo almorzo para cargar enerxía. Despois, visitaron o horto, o composteiro e o invernadoiro, aprendendo moitas curiosidades sobre o coidado do medio ambiente e a agricultura.

Ao longo da mañá tamén tiveron ocasión de ver os animais que lles faltaban da visita anterior e participaron nun divertido karaoke no que demostraron as súas habilidades musicais.

Tras o xantar e un novo tempo libre, realizaron un xogo de pistas por toda a granxa, poñendo a proba o seu enxeño e a capacidade de traballar en equipo. Logo da merenda, chegou o momento de regresar a Bembibre, levando consigo unha chea de experiencias, aprendizaxes e moi bos recordos desta aventura compartida.



luns, 4 de maio de 2026

Decímoslle NON ao acosos escolar

 No noso centro educativo cremos que a escola debe ser un lugar seguro, onde todas as nenas e nenos se sintan respectados, escoitados e valorados. Por iso, desde as aulas quixemos dar un paso adiante e traballar un tema tan importante como é o acoso escolar.

Como resultado, realizamos un vídeo no que o alumnado expresa o que pensa e sente sobre o bullying. Porque ás veces, as mensaxes máis importantes son tamén as máis sinxelas… e as máis sinceras.

Este vídeo é unha mostra do compromiso dos nosos nenos e nenas cunha convivencia baseada no respecto, na empatía e na axuda mutua.

Invitámosvos a velo, reflexionar e compartir a mensaxe: entre todas e todos podemos construír unha escola mellor.

🎥 Dálle ao play e escoita as súas voces.



martes, 17 de febreiro de 2026

Entroido

 Este ano celebramos o Entroido cunha temática moi especial: o mar. O cole encheuse de cor, creatividade e ilusión grazas a uns disfraces espectaculares feitos na casa.

Tivemos polbos simpatiquísimos, chipiróns moi elegantes, medusas brillantes, peixiños de cores, e tamém buzos preparados para explorar o fondo mariño.

O máis bonito foi ver como cada disfraz era único, feito con agarimo, imaxinación e moito traballo en familia. Notouse o esforzo e a dedicación en cada detalle: tentáculos ben traballados, materiais reciclados, luces, pinturas… Un auténtico desfile mariñeiro!

Queremos facer unha felicitación moi especial ás familias.

O resultado foi marabilloso: os nenos e nenas estaban orgullosos dos seus disfraces, felices de poder ensinar o traballo feito en familia e gozaron dun día inesquecible.

Aquí vos deixamos as fotos deste Entroido tan mariñeiro. 🌊📸
Agardamos que as disfrutedes tanto como nós disfrutamos vendo desfilar a nosa pequena gran marea de artistas.

Grazas, familias, por facer escola connosco!

https://photos.app.goo.gl/VxuUaJAjtQLbV9jj8




mércores, 4 de febreiro de 2026

Mandatos do Meco

 Aquí vos deixamos os mandatos do Meco, relacionado co noso PDI: "Os ciencuenta anos do cole"